Saturday 27 de April de 2024

O Concello da Pobra reinventa as propostas para os días 31 de decembro e 5 de xaneiro


Debido á situación sanitaria actual derivada da COVID-19, o Concello da Pobra do Caramiñal decidiu lanzar dúas iniciativas de cara ao día 5 de xaneiro e despedi-lo ano 2020.
Este ano non haberá a cabalgata dos Reis nin a recepción que estaba programada, polo cal a concelleira da Promoción Económica, Charo Varela (Nós Pobra), anunciou que se formulan, como alternativa, videochamadas coas súas maxestades os Reis do Oriente. Deste xeito, manifestou que a idea é que cada nena ou neno elixa se quere falar con Melchor, Gaspar ou Baltasar. Para facelo, deberanse rexistrar na páxina web www.apobrasegura.org ata o 3 de xaneiro.
Tal e como indicou, “despois desa comunicación cos Reis van consegui-los mellores regalos e, sobre todo, moitísimo agarimo por parte deles”.
Ademais, para despedir este 2020, a edil dos Servizos Municipais, Estefanía Ramos (Nós Pobra), animou a cidadanía a colgar nas súas redes sociais un vídeo ou unha imaxe acompañada do cancelo #APOLO21APobra felicitando o novo ano ás veciñas e veciños. Unha maneira diferente de “seguir estando xuntos”.